Monday 16 de September de 2024

O Concello abre o luns 9 de setembro a súa ampla e variada oferta de clubs de lectura nas Bibliotecas Municipais


Ofrécense un total de 532 prazas e sete temáticas de outubro a xuño

O Concello da Coruña abrirá o vindeiro luns 9 de setembro o prazo de inscrición nos clubs de lectura que se celebrarán durante o curso lectivo na Rede de Bibliotecas Municipais. O Goberno de Inés Rey aposta por unha ampla variedade de espazos nos que a cidadanía pode desenvolver as súas inquedanzas literarias durante os meses de outubro e xuño.

Os clubs de lectura son grupos de persoas que comparten, de forma coordinada, unha lectura e que logo a comentan e valoran. Desde as Bibliotecas Municipais da Coruña proporciónanse os libros que os clubs necesitan para dar inicio a esta conversa e tamén se coordinan algúns dos grupos onde teñen cabida persoas moi diferentes entre si e intereses de moitos tipos. Non se necesita un nivel de lectura experto, pero si inquietudes culturais, ganas de ler, facer amizades e intercambiar opinións de forma respectuosa e aberta.
O prazo de inscrición estará aberto ata o 29 de setembro e as prazas serán adxudicadas por orde de chegada das solicitudes. As persoas interesadas poderán inscribirse a través da páxina web municipal, por teléfono chamando ao 981 184 384 ou presencialmente en calquera das bibliotecas municipais.
Este ano haberá un total de 32 grupos distribuídos en oito centros: no Ágora haberá seis, no Castrillón haberá tres, en Durán Loriga haberá catro, no Fórum haberá sete, en Monte Alto haberá un, nos Rosales haberá sete, na Sagrada Familia haberá un, en Novo Mesoiro haberá dous e haberá un virtual. O número de prazas totais é de 532.

Haberá ata sete temáticas diferentes de clubs:
● Xeralistas: len diversos xéneros e temáticas e en idioma galego e/ou castelán. Combinan lecturas de libro en papel e libro electrónico.
● Temáticos: centran as lecturas en temas ou xéneros concretos:
o Cómic
o Diversidades sexuais e de xénero
o Literatura clásica
o Filosofía
o Conscientes do noso ser
● Infantís
● Xuvenís
● Virtual
● En lingua galega
● Lectura fácil ou en voz alta